Friday 29 de March de 2024

Celemín destaca os valores educativos e solidarios do XVIII Festival Intercentros


 

A décimo oitava edición destinará o recadado durante o curso e na gala do 28 de marzo en Palexco ás institucións de Cáritas e Aspace

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, presentou en Afundación o XVIII Festival Intercentros, que nesta edición dirixirá o recadado ás institucións de Cáritas e Aspace, repartido nun 60% para a primeira e un 40% para o colectivo que traballa con nenas e nenos con parálise cerebral. O edil destacou que o que naceu nun patio de colexio como o de Santo Domingo FESD (Dominicos) cumpre este ano a maioría de idade coa idea de seguir sumando quilos solidarios e avances sociais para a cidadanía, neste caso, con actividades de recollida de alimentos e charlas durante todo o curso e cunha gala, que terá lugar o
28 de marzo en Palexco.

A cita concentrará a creatividade e talento para o baile e a canción do alumnado de preto de 30 centros educativos e entidades da cidade e a área metropolitana, máis de mil pequenas e pequenos que “irán para a casa co mellor dos trofeos, que é o de axudar a quen non ten”. Aínda que tecnicamente está cuberto, o organizador da gala, Rodrigo Hidalgo, sinalou que poderán solicitar praza os centros interesados ata o venres no correo info@festivalintercentros.org por se queda algún oco libre. Toda a información está na páxina web festivalintercentros.org.

Celemín felicitou as persoas organizadoras pola “lección de vida” que lle dan todos os anos ao estudantado e a unha cidade que terá en primavera unha cita coa solidariedade, que comezará pola mañá coas categorías infantís e seguirá pola tarde con cancións e coreografías xuvenís de institucións e colexios.

Hidalgo agradeceulle ao Concello a colaboración porque “sen eles, esta obra educativa, musical e solidaria non sería posible” e destacou que ambos os proxectos axudan a que quen participan vexa a sociedade desde a perspectiva de quen máis o necesita: “Cóntanse xa por decenas as cooperacións de Intercentros, centradas en realidades educativas como Aspace, buscando esa dignidade que se merecen, e Cáritas, atendendo as necesidades primarias que teñen que facerse efectivas”.

PROXECTOS

Pola súa parte, Pilar Farjas, de Cáritas, contou que a iniciativa que comezaron en setembro de 2018, pola que as persoas usuarias son quen acoden directamente ao Economato para recoller con vales os alimentos que precisan, chega xa a 503 familias, máis de 1.400 persoas que se benefician na actualidade dun proceso de integración social, nun xeito de defender “a dignidade e a xustiza, que hai que canalizar para que se sintan iguais”.

Antolín Rodríguez, de Aspace, explicou que pasaron máis de 40 anos desde que un grupo de familias sen recursos para as súas fillas e fillos con parálise cerebral decidiron xuntarse. Hoxe, máis de 100 traballadoras/es asisten a un total 112 persoas en dúas residencias, onde dan unha atención permanente nun centro educativo e nun centro de día: “Compartimos os valores de Intercentros, de educación, música, solidariedade, diversidade, convivencia… Damos servizo todos os días do ano e teño a experiencia de que cando unha persoa nos visita ao terminar di: ‘Coñecía a entidade polos papeis e polos datos, pero non ten nada que ver co feito de estar aquí e ver como se traballa”.